Monday 29 de April de 2024

O SNL da Mancomunidade de Ordes pon en marcha unha campaña de dinamización do galego no ámbito comercial


Motivarase o seu uso tanto na atención directa coa clientela como en páxinas web, carteis, redes sociais, publicidade ou tíckets. A inclusión é de balde e ofrécese unha atención personalizada para cada establecemento

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes escolleu o ámbito comercial para emprender a primeira campaña do ano en materia de dinamización idiomática. ‘O galego vende’, nome que recibe a campaña iniciada hoxe, ten como obxectivo fundamental estender o uso da lingua galega no ámbito do comercio.

Con iso preténdese incidir na idea, tanto para a cidadanía como para os profesionais do sector, de que o uso do galego pode favorecer este e outros tipos de relacións. A dinámica inclúe colaboracións coas asociacións de comerciantes e similares coa finalidade de incidir no positivo de atender en galego de xeito habitual. Dende o SNL fomentarase o uso do galego nos escritos, tíckets, avisos, carteis, publicidade, páxinas web e redes sociais dos establecementos, cando menos en igualdade co castelán. Outros apoios que se brindarán aos comerciantes de xeito totalmente gratuíto son o reparto de folletos informativos, a promoción da dita campaña, así como o asesoramento personalizado para poder aplicar con efectividade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega no ámbito empresarial.

O SNL da Mancomunidade está xa a contactar directamente cos establecementos para convidalos a que se adhiran á dita campaña. Tamén para informalos e asesoralos no procedemento que se vai levar a cabo. Unha iniciativa que supón tamén a súa inclusión na páxina web da Mancomunidade (www.mancomunidadeordes.org) como establecemento participante.